Xeografía e mapas
Desde as orixes da Biblioteca Real, a presenza de mapas e planos foi moi importante dado o interese político e administrativo que estes documentos tiñan. Tanto na Real Biblioteca como na primitiva Nacional, a Xeografía e Viaxes e a Astronomía ocupaban un lugar importante entre as distintas disciplinas que contiñan, mostra diso é que o considerado como primeiro catálogo da biblioteca escrito en 1729 polo bibliotecario Juan de Iriarte está precisamente dedicado aos fondos cartográficos: "Rexia Matritensis Biblioteca Geographica et Chronológica".
Dende as orixes da Biblioteca Real, a presenza de mapas e planos foi moi importante, dado o interese político e administrativo que tiñan estes documentos. Tanto na Real Biblioteca como na primitiva Nacional, a Xeografía e Viaxes e a Astronomía ocupaban un lugar importante entre as distintas disciplinas que contiñan: proba disto é que o que está considerado como primeiro catálogo da biblioteca, escrito en 1729 polo bibliotecario Juan de Iriarte, está precisamente dedicado aos fondos cartográficos: "Regia Matritensis Biblioteca Geographica et Chronologica".
primeira mención que se fai de coleccións de "mapas xeográficos e hidrográficos" corresponde á obra de Basilio Castellanos de 1847 "Apuntes para un catálogo de objetos que comprende la colección del Museo de Antigüedades de la Biblioteca Nacional...: acompañado de un ligera reseña... de los demás departamentos de la misma Biblioteca...". É na segunda metade do século XIX cando se crean a maior parte das seccións de Biblioteca. En 1876, segundo Bretón y Orozco, xa aparece a Sección de Mapas e Planos dentro do Departamento de Impresos.
O fondo inicial da colección cartográfica está formado polos fondos fundacionais procedentes da Biblioteca Real, os que Felipe V trouxo de Francia e os que por diferentes vías ingresaron na Biblioteca formando coleccións ou atlas. O maior incremento da colección produciuse en 1913 co traslado dos fondos do Gabinete Xeográfico existente na Primeira Secretaría de Estado ou Ministerio de Estado. Por esa mesma época debeu ingresar o legado López Garat de mapas manuscritos.
Todas estas coleccións e as importantes adquisicións de épocas posteriores situaron a Sección de mapas da Biblioteca Nacional á altura das cartotecas nacionais máis importantes do país.
Na actualidade, o Servizo de Cartografía conserva unha importante colección de fondos cartográficos antigos e modernos de todo o mundo, aínda que o maior número corresponde a España; atlas e obras especializadas en Cartografía, Xeografía, Astronomía, descrición de países e viaxes, e unha colección de postais de cidades e lugares xeográficos.
OS FONDOS
O Servizo de Cartografía da Biblioteca Nacional ten a súa base documental orixinaria nos fondos procedentes da Biblioteca Real e nas coleccións cartográficas do Antigo Gabinete Xeográfico adscrito á Primeira Secretaría de Estado. O seu núcleo principal estaba constituído pola denominada Colección Mendoza, os mapas realizados pola Familia López e a colección de mapas manuscritos, que constitúen a base do patrimonio cartográfico antigo.
En cartografía moderna, a Biblioteca Nacional recibe a través do Depósito legal, dende o ano 1958, todos os mapas que se editan tanto en folla solta como formando series, publicados polos organismos oficiais, entidades públicas e privadas e Comunidades Autónomas.
2.1 Cartografía
2.1.1 Mapas antigos
O Servizo de Cartografía da Biblioteca Nacional ten a súa base documental orixinaria nos fondos procedentes da Biblioteca Real e nas coleccións cartográficas do Antigo Gabinete Xeográfico adscrito á Primeira Secretaría de Estado e do Despacho Universal; Godoy encargoulles a organización desta aos cartógrafos Tomás López e Juan López, o seu fillo, no ano 1795.
Esta colección incorporouse á Biblioteca en 1913 por Real orde de 7 de xuño. O seu núcleo principal estaba constituído pola denominada Colección Mendoza, os mapas realizados pola Familia López e a colección de mapas manuscritos.
2.1.1.1 Colección Mendoza
Formada polo capitán de fragata José Mendoza Ríos, comisionado pola Secretaría de Estado para adquirir en Inglaterra os mellores mapas e obras xeográficas publicados. Mendoza, excelente matemático e astrónomo, reuniu dúas magníficas coleccións: unha de libros de viaxes e outra de mapas, impresos a maioría en Inglaterra, aínda que hai outros publicados en Francia, Alemaña, España, Rusia, etc. Abrangue preto de 2.400 mapas de gran valor, xa que foron realizados na época de maior auxe da Xeografía científica en toda Europa.
2.1.1.2 Mapas manuscritos
A colección de mapas manuscritos da Biblioteca Nacional é de grande interese. Moitos deles, os máis importantes, encóntranse no Servizo de Manuscritos, incluídos en diferentes obras; tamén se conservan cartas portolanas, mapas e planos en follas independentes. O fondo máis numeroso encóntrase no Servizo de Cartografía e está formado polos mapas procedentes da Primeira Secretaría de Estado. Tamén forman parte desta colección os magníficos mapas procedentes da Biblioteca Real, así como o Legado López Garat.
Na súa maioría son mapas do século XVIII levantados por enxeñeiros militares. A súa variedade temática é moi grande, xa que o Ministerio de Estado se ocupaba de asuntos moi variados, como relacións exteriores, sanidade, obras públicas, correos, camiños e canles, compañías marítimas, etc.
2.1.1.3 Mapas da familia López
É a colección, case completa, dos mapas levantados, gravados e publicados por Tomás López e os seus fillos Juan e Tomás Mauricio. Son mapas e planos, en folla solta ou formando atlas, na súa maioría de España e as súas provincias, posesións das ordes militares e colonias americanas. Tamén inclúe mapas de todos os continentes e dos países máis importantes de Europa.
O seu interese reside en ser o primeiro cartógrafo español que, dun xeito sistemático, gravou e publicou mapas que representan a España do século XVIII, sendo moi útiles para a historia da cartografía, xa que case sempre cita as fontes que se utilizan.
2.1.2 Mapas modernos
A Biblioteca Nacional recibe a través de Depósito legal, dende 1958, todos os mapas que se publican. Son os mapas, tanto en folla solta coma formando series, publicados por organismos oficiais, entidades públicas e privadas ou Comunidades Autónomas.
As series e coleccións de mapas modernos máis importantes son:
2.1.2.1 Mapas topográficos
- Mapa Topográfico Nacional. Elaborado polo Instituto Xeográfico Nacional. Recíbense e consérvanse as series do Mapa Topográfico Nacional dende o comezo da súa publicación en 1875, nas súas escalas 1:25.000 (edicións 1ª, 2ª e 3ª, e 1ª a 4ª dixitais) e 1:50.000 (edicións 1ª a 8ª, e 1ª dixital).
- Producidos tamén polo propio Instituto recíbense e consérvanse as series de ortofotomapas con escalas 1:10.000 e 1:25.000.
- Mapas topográfico-militares. Elaborados polo Servizo Xeográfico do Exército. A colección reúne e conserva as distintas series básicas, con escalas dende 1:250.000 a 1:10.000, nas súas diferentes subseries: mapas de mando, mapas xerais, planos especiais, planos directores, etc. Todos estes mapas abranguen dende 1933 ata o ano en curso.
- Mapas xeolóxicos. Elaborados polo Instituto Xeolóxico de España. Recíbense e consérvanse todas as series dende o seu inicio en 1866 ata a actualidade, entre elas a serie do Mapa Xeolóxico Nacional de España en todas as súas escalas, do 1:50.000 ao 1:400.000.
- Producidos polo mesmo organismo, recíbense outros mapas temáticos: mapa xeomorfolóxico, mapa hidroxeolóxico, mapa metaloxenético, etc.
2.1.2.2 Cartas náuticas
Elaboradas polo Instituto Hidrográfico da Mariña. Recíbense e consérvanse as cartas cuxa zona de cobertura son as costas de España, zonas do Atlántico e Mar Mediterráneo. A Carta de Navegación Costeira, escala 1:50.000, constitúe a carta náutica base que cobre todo o litoral nacional. Tamén se conservan cartas xerais de arrumbamentos, aproches e derroteiros, con escalas entre 1:30.000.000 e 1:12.500, e cartas destinadas á navegación deportiva, que abranguen todas as costas españolas.
2.1.2.3 Outras series temáticas
Recíbense tamén as series publicadas polo Ministerio de Agricultura: Mapa de Cultivos e Aproveitamentos, escalas 1:50.000 a 1:200.000; Mapa de Clases Agrolóxicas, escala 1:50.000; Mapa de Series de Vexetación, escala 1:400.000, e Mapa Forestal de España, escalas 1:400.000 e 1:200.000.
2.1.2.4 Mapas publicados polas Comunidades Autónomas
Actualmente todas as Comunidades Autónomas publican as súas propias series cartográficas, tanto de cartografía básica ou topográfica coma de cartografía temática. Tamén publican series elaboradas con novas tecnoloxías, coma ortofotomapas, ortoimaxes, ortomosaicos, etc.
Entre os centros cartográficos autonómicos, destacan pola súa actividade e produción o Institut Cartogràfic de Catalunya, o Instituto de Cartografía de Andalucía e o Servizo Cartográfico Rexional de Madrid.
2.1.2.5 Mapas de África
Dentro do fondo de Mapas Modernos é interesante sinalar a colección de mapas de África procedentes do legado do xeneral Tomás García Figueras, Delegado de Asuntos Indíxenas en Marrocos. Esta colección abrangue uns 2.500 mapas da primeira metade do século XX, principalmente da zona de Marrocos, Ceuta e Melilla, a maior parte deles levantados polo Servizo Xeográfico do Exército e o Servizo Xeolóxico da África Occidental Española, e editados polo Goberno Xeral do Sahara Español, a Delegación de Asuntos Indíxenas e a Secretaría Técnica de Marrocos. Destaca a serie de mapas topográfico-militares «Mapa de la zona del Protectorado Español en Marruecos» nas súas edicións 1ª, 2ª e 3ª dos anos 1927 a 1959.
2.1.2.6 Cartografía dixital
A Biblioteca Nacional conserva unha pequena pero crecente colección de cartografía en CD-ROM que está en fase de descrición para poder ser utilizada na Sala de Consulta.
2.2 Libros e atlas
O Servizo de Cartografía conserva máis dun millar de obras sobre Cartografía, Xeografía, Astronomía, Viaxes, etc. Destaca unha importante colección de atlas flamengos, holandeses, franceses, italianos, ingleses, alemáns e españois, dos séculos XVI ao XVIII. Tamén merece citarse a colección Condeminas de libros de navegación, doada en 1969.
A Biblioteca conserva tamén unha gran colección de atlas modernos españois e estranxeiros, que vai ampliando e completando con novas adquisicións, ademais dunha colección especializada de obras de referencia.
2.2.1 Biblioteca da Real Sociedade Xeográfica
O Servizo de Cartografía garda en depósito, dende o ano 1971, a interesante colección de mapas, libros, revistas e folletos da Real Sociedade Xeográfica Española, creada en 1876. Consta de preto de 5.000 volumes e case outros tantos folletos, máis de 8.000 mapas e unha colección de revistas de aproximadamente 1.100 títulos. Son de grande interese os fondos do século XIX, especialmente os que se refiren ao norte de África. Esta colección está especializada en Xeografía xeral e histórica, Xeoloxía, Cartografía, Topografía e libros de viaxes e descubrimentos.
2.3 Turismo e tarxetas postais
O folleto turístico é un destacado medio de promoción e publicidade para o país, tratando temas xerais, culturais, históricos, do patrimonio histórico-monumental, tradicións populares, etc., incluíndo imaxes representativas da riqueza turística de España. A Biblioteca Nacional foi recompilando esta fonte de información e propaganda impresa e conformou unha importante colección de folletos da primeira metade do século XX, incluíndo os impresos na época da II República e o período da Guerra Civil, así como outros máis modernos ata os nosos días.
Dentro do fondo moderno, consérvase tamén unha importante colección de máis de 600.000 postais, que representan vistas de cidades, paisaxes, etc., fundamentalmente españolas. Están ordenadas xeograficamente e son de grande interese para o estudo da transformación urbana e paisaxística experimentada en España nos últimos anos.