Os primeiros fillos da imprenta

Un dos grandes fitos que marcou o paso do Medievo á Idade Moderna foi, sen dúbida, a invención da imprenta de tipos móbiles. O ourive alemán Johannes Gutenberg revolucionou Europa cunha técnica que axilizou a produción de libros, o que impactou directamente na forma en que se difundía o coñecemento.

Como todo gran invento, respondeu a unha necesidade: o aumento da alfabetización e unha maior actividade cultural, en auxe desde o século XIII coa creación de varias universidades europeas, foron as causas dunha maior demanda de libros, máis baratos e de rápida fabricación. O resultado deste novo invento foron os incunables, termo que fai referencia aos libros impresos con tipos móbiles ata o ano 1500. A Biblioteca Nacional de España, ademais de contar coa colección de incunables máis importantes do país, conserva unha boa mostra dos exemplares máis antigos ou representativos das imprentas máis temperás.

Aínda que se ten constancia de que Gutenberg comezou os seus experimentos e primeiras probas de impresión en Estrasburgo en torno a 1436, o epicentro da nova arte tipográfico foi Maguncia. Alí, no ano 1460 imprimiuse o Catholicon de Johannes Balbus, edición atribuída a Gutenberg e da que a Biblioteca Nacional de España conserva un exemplar, que se erixe, ademais, como o incunable máis antigo da nosa colección. Dous anos despois, tamén en Maguncia, o antigo socio de Gutenberg, Johann Fust, imprimiu xunto a Peter Schoffer unha Biblia latina dividida en dúas partes, máis coñecida como a Biblia de 48 liñas, debido ao número de liñas que contén cada folla. Un exemplar desta edición, bellamente iluminado, conservouse ata os nosos días e custódiase na Biblioteca Nacional de España.

Pronto a nova arte de imprimir estendeuse máis aló de Maguncia e instaláronse imprentas en varias cidades, como Núremberg, Augsburgo ou Leipzig. Ademais, o saqueo de Maguncia o 27 de outubro de 1462 por parte de Adolfo de Nassau, enfrontado con Dieter de Isenburg polo arcebispado, paralizou a industria tipográfica e moitos impresores fuxiron non só da cidade, senón tamén de Alemaña. Italia foi un dos países predilectos dos impresores alemáns e, polo tanto, un dos lugares onde en data máis temperá desenvolveuse o novo invento. En Roma, o 31 de decembro de 1467, o tipógrafo alemán Ulrich Han imprimiu as Meditationes do cardeal Juan de Torquemada, quen foi unha figura clave no desenvolvemento da imprenta en Italia na década de 1460. Neste incunable conflúen varios fitos: foi a primeira edición que salgue das prensas de Ulrich Han, a primeira obra impresa dun autor español e a primeira obra ilustrada impresa en Italia. Consérvanse catro exemplares no mundo desta edición, un deles na Biblioteca Nacional de España.

Custodiamos tamén na nosa colección un exemplar do incunable De vita christiana. De singularitate clericorum, impreso en Colonia en 1467. Trátase dun texto falsamente atribuído a Santo Agustín de Hipona e, de feito, forma parte da nómina de obras coñecidas como pseudoagustinianas. A edición estivo a cargo de Ulrich Zell de Hanau, clérigo da diocese de Maguncia que instalou o seu taller en Colonia. Foi un tipógrafo especializado en libros de tamaño máis pequeno, concretamente en cuarto, e en obras de tema teolóxico, como demostra o De vita christiana.

Onde consultar

Catálogos