Biblioteconomía, Arquivística e Museoloxía
Esta colección está especializada en Biblioteconomía, Documentación, Arquivística e Museoloxía, así como en materias estreitamente relacionadas con estas disciplinas, como a Historia do libro ou as Novas Tecnoloxías da Información.
A orixe desta colección especializada remóntase a 1950. É nese ano cando a Dirección Xeral de Arquivos e Bibliotecas organiza os Cursos de Formación Técnica de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, formándose unha biblioteca de estudos para uso de alumnos e profesores. Estes cursos consolídanse posteriormente, creándose a Escola de Documentalistas que, con distintos nomes, funcionou durante máis de 20 anos. A Escola clausúrase en 1986 ao institucionalizarse os estudos de biblioteconomía e documentación, que pasan ás universidades.
Coa creación do Ministerio de Cultura, reestrutúranse varios dos seus centros, que posuían bibliotecas especializadas, que engrosaron os procedentes da biblioteca da antiga Escola, pasando a depender do Centro do Libro e a Lectura e iniciando as súas actividades coa denominación de Biblioteca do Bibliotecario, que prestou servizo dende 1988 a 1991.
En 1992 trasládase á Biblioteca Nacional de España, coincidindo coa creación desta como organismo autónomo, e agregándoselle nese momento os fondos de biblioteconomía existentes no Servizo de Información Bibliográfica: esta biblioteca especializada denominouse Servizo de Documentación Bibliotecaria.
Actualmente, constitúe unha unidade do Servizo de Información Bibliográfica, dentro do Departamento de Referencia, cunha Sala de consulta propia.
Fondos
Monografías
Para dar difusión ás últimas novidades, elabórase trimestralmente un Boletín de difusión selectiva da información, que recolle as monografías recibidas, unha selección de artigos de revistas e resumos dalgúns deses artigos. Os devanditos resumos publícanse tamén no Blogue de Biblioteconomía. Os materiais obsoletos e en desuso trasládanse ao segundo depósito da Biblioteca Nacional de España, situado en Alcalá de Henares, e pódense consultar previa petición anticipada no Salón Xeral.
Publicacións Periódicas
Revistas especializadas nacionais e estranxeiras, en soporte impreso e electrónico. Para acceder ao texto completo das revistas electrónicas en liña, pódese facer a través das listaxes de revistas electrónicas gratuítas e de revistas electrónicas subscritas. As revistas electrónicas gratuítas pódense consultar desde calquera ordenador, mentres que as revistas electrónicas subscritas deben de se consultar desde os ordenadores da BNE. En canto ás revistas impresas estranxeiras, localízanse na Sala os tres últimos anos da publicación, os anos anteriores sérvense na Sala de Prensa e Revistas.
Material para opositores
Inclúe temarios para todos os Corpos das oposicións a Arquivos, Museos e Bibliotecas, monografías para os supostos prácticos, lexislación, exemplos de exames de distintas convocatorias, bibliografías especializadas e unha Guía do opositor.
Como consultar os fondos desta sala
Para acceder á sala é necesario o carné de investigador, lector ou de documentación bibliotecaria.
Fondos en libre acceso: toda a colección está nos andeis da sala e son de libre acceso.
Préstamo domiciliario da colección de documentación bibliotecaria: pode levar en préstamo domiciliario 3 exemplares durante 10 días, e pode renovar o préstamo 2 veces por outros 10 días cada renovación. As renovacións pódense solicitar presencialmente, por teléfono, ou por correo electrónico. Tamén é posible facer reservas de exemplares que estean prestados a outros usuarios.